_
_
_
_
_
Reportaje:Luces

O soño incómodo de Tocqueville

Aparece en galego o último e polémico ensaio de Xavier Roig

O catedrático Carlos Alonso del Real dicía que hai tres tipos de intelectuais: os de dereitas, os de esquerdas e os incómodos. No caso de que Xavier Roig se deixe cualificar como intelectual, habería que etiquetalo como intelectual incómodo. Consultor e home de empresa, ensaísta, docente no Centro de Estudios Internacionais e afoutado liberal, publicou La dictadura de la incompetència en 2008, un volume ferozmente crítico coa canibalización da sociedade civil polo Estado e as súas todopoderosas burocracias. Obra de grande éxito, agora aparece en lingua galega grazas á 2.0 Editora.

A ditadura... é unha peza desafiante, callada de afirmacións rotundas e xuízos esmagadores, taxativamente canónica nas súas formulacións liberais que presta ler en Galiza, agora gobernada por unha novísima dereita que se reivindica delas a comenencia. A primeira virtude do libro é que achega enunciados claros dalgúns problemas do noso tempo, a segunda é que estimula a discrepancia con solucións. O seu arrinque é o "travestismo social da verdadeira sociedade civil", a súa colonización polo Estado, o perigo do intervencionismo público e a pasividade cidadá que prende "nunha sociedade drogada polo exceso de beneficios sociais". Roig certifica o afastados que estamos do que Alexis de Tocqueville atopou en América, unha nación emerxente na que a sociedade civil era todo e o Estado apenas nada.

Así, a responsabilidade principal da súa deleiba actual está na prepotencia do Estado, no egoísmo dos seus xestores, na desconfianza do libre mercado, na desconsideración da iniciativa privada e no medo á globalización e á competencia. Funcionarios, clase política e o progresismo cargan coas culpas, singularmente o "progresismo esclerótico con muletas do 68", "unha auténtica caste -co seu poder económico, os seus xornais, o control hexemónico das escolas, as súas editoriais, a súa xustiza debidamente condicionada".

O autor repasa as fendas que anuncian a ruína das noutrora sociedades do benestar e tamén nos aguilloa inmisericorde coas moitas incompetencias do Estado Providencia. De certo, hai que buscar novas políticas sociais para a igualdade de oportunidades, cun maior énfase na equidade e na asignación eficaz dos recursos a quen realmente os precisa. Debate pendente que, coa coartada da actual crise económica, quérese retirar do temario da esquerda asegurando a imposibilidade dun Estado de Benestar 2.0 sustentábel.

Hai afouteza na vindicación da sociedade civil que Roig delimita cun economicismo abusivo que faría as delicias dos primeiros marxistas; é radicalmente discutíbel que a pertenza e compromiso coa sociedade civil dependa de quen che pague a nómina e que cobrar da Administración sexa razón para excluírte dela. Os clásicos hai tempo que cartografiaron os reinos do Príncipe, do Mercador e do Cidadán: o Estado, o mercado e a sociedade civil. Por veces o autor escribe sociedade civil pero está falando tan só de mercado.

Roig é un apaixonado da globalización e un atento escrutador dos cambios do eixe da rotación económica e cultural do mundo aínda que, ás veces, entálase na linguaxe da Guerra Fría: a pantasma do comunismo estatalista hai tempo que non percorre Europa; non é moi sutil mesturar palla fascista con allos paleocomunistas e bugallos socialdemócratas.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

A intelixente, pero vesga, ollada de Roig saca de cadro unha incómoda evidencia: Tocqueville fai mellor parella con Gramsci que con Milton Friedman. De feito, a sociedade aberta dos liberais é, hoxe, máis refutada polos neoconservadores (liberais que lle teñen medo á igualdade) que por socialistas ou socialdemócratas. Cando Tocqueville acorda do seu soño de liberdade, a desigualdade de oportunidades que os mercados máis crueis impoñen aos máis débiles segue aí. Laiábase un campesiño nicaraguano: "Eu quero ser liberal, pero a pobreza non me deixa".

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_