_
_
_
_
_
Reportaje:Luces

Escoitando o lugar

A obra teórica de Gallego Jorreto, primeiro Premio Nacional de Arquitectura

Recentemente, tras un longo silencio cómplice, parece que esperta a alarma fronte á xeralizada destrución arquitectónica, urbanística e territorial. Aínda que cumprirá agardar a ver se se trata dunha simple conxuntura mediática e un efémero tema de tertulia ou unha toma de conciencia política e cidadá de amplo alcance e consecuentes derivacións prácticas.

O tema é grave. En moitos casos, constitúe un verdadeiro escándalo, dada a magnitude da degradación, coa grande hipoteca que se deriva para os espazos en que os nosos fillos haberán de desenvolver as súas vidas. De aí a inmensa responsabilidade política, cultural e moral de todos, políticos e cidadáns.

É lóxico, pois, que, ademais do malestar da sociedade civil, comecen a aparecer obras que denuncian colectivamente o feísmo (eufemismo da pura destrución masiva), que analizan os Bordes de Mar en Galicia ou abordan o derribo sistemático do noso patrimonio histórico, como A Coruña: arquitectura desaparecida, de Fernando Agrasar. Son obras necesarias. Denuncian. Clarifican. Contribúen á esperanza. A dicirnos que non estamos tan sós na toma de conciencia fronte a evidencias tan brutais. Por iso cómpre celebrar de obras de fondo calado, como Anotaciones al margen, de Manuel Gallego Jorreto. Nesa obra, editada cun certo ar povera e axustado deseño, o noso exemplar arquitecto, galardoado o pasado sábado co primeiro premio nacional de Galicia, desprega, á maneira dun creador minimalista, anotacións dunha rara densidade. Esa capacidade sintética, entre outros moitos valores, non é só consecuencia lóxica do creador lúcido que sempre foi, senón dun labor teórico que, coa roupaxe da nudez e a sinxeleza, acada o valor da referencia, da excelencia.

Gallego cre que a boa arquitectura pode ser tan natural como unha árbore
Alerta da confusión entre o tamaño e a complexidade da obra

A obra desprega unha poética da sensibilidade e da razón arquitectónicas máis sutís e ilustradas, abalando entre a transcendencia dos matices e os argumentos de peso. Nela, plantea numerosos temas. A reflexión sobre o lugar, co desexo de "encontrar o espazo do home". A importancia da escala, alertando da confusión entre o tamaño e a complexidade da obra. A necesidade da formación integral, a sensibilidade crítica e a razón humanista do arquitecto. A transcendencia da dialéctica entre permanencia e cambio. As respostas á identidade persoal e colectiva. A crítica dun posmodernismo moitas veces estetizante, obsesionado coa imaxe e carente da racionalidade crítica e funcional que debe ter a arquitectura.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

As reflexións sobre o proxecto non como un problema de estilo, senón un proceso de máxima afinación entre o coñecemento profundo da realidade, as respostas que o tempo histórico demanda e a sensibilidade, ideoloxía e imaxinación do autor. Sen que falte unha crítica do ruído arquitectónico, urbanístico e cultural de hoxe. Ou a consideración da arquitectura como arte, mais tamén como síntese, e crítica, da vida. Pois, na máis radical tradición ilustrada, e contra o abuso da aparencia, o consumismo e a maquillaxe, deféndea como construción crítica da realidade, como ordenadora da materia e do vivir. Nesa liña, son sumamente interesantes as súas reflexións sobre a intervención no territorio e na paisaxe como unha forma de representación ou formalización dun orde social e cultural harmónico e civilizado. Por iso chega a afirmar que a arquitectura, cando é boa e se integra respectuosamente co medio, pode ser tan natural como unha árbore.

A claridade pode ser complexa e profunda, di o autor, nalgún momento. Mais para iso cómpre chegar a ese punto de madureza ao que moi poucos chegan, e este é o caso de quen puxo toda unha vida de esforzo, coñecemento e sentido ético ao servizo da nosa creación arquitectónica. Por iso tanto as súas obras como as súas reflexións constitúen ancoraxes básicas para as nosas reflexións neste momento de cambios radicais, coa emerxencia de procesos tecnolóxicos, sociais e culturais aínda escasamente comprendidos e explorados.

Este é un pequeno libro de breves textos e sinxela hermenéutica: "Anotacións", di, con humildade, o seu autor. Mais a un, sen saber moi ben por qué, lle gustaría situalo nos andeis da súa memoria sentimental e cultural recente, e quizais tan só por simple paixón ou escuras razóns non doadamente explicables, a carón do Eloxio da sombra de Tanizaki, os Escritos de Eduardo Chillida ou A idea de Europa de George Steiner. Cosmos pequenos, mais dificilmente esgotables. E tan necesarios.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_