_
_
_
_
_
Reportaje:Luces

Os libros esquilmados dos mosteiros

Na desamortización de 1834 as bibliotecas públicas remataron cos fondos dos monxes

"Libros inútiles a las artes y a las ciencias". Esa foi a identificación que, en 1834, os liberais apuxeron a boa parte dos libros que viñan de expropiar nos 72 mosteiros e conventos de Galicia. Todo volume relixioso, de teoloxía ou relacionado coa filososofía do pensamento máxico foi destruído, extraviado ou colocado no mercado libreiro do século XIX. "O que pasa é que Erasmo de Rotterdam era considerado teoloxía", explica a profesora da facultade de Historia de Santiago Ofelia Rey Castelao, "e produciuse unha desfeita monumental". A época reclamaba radicalidade ilustrada e os liberais españois, inspirados na Revolución Francesa, non dispuxeron de vagar lector. Nos mosteiros non quedou papel e os libros expropiados formaron os alicerces do sistema provincial de bibliotecas e reforzaron a da Universidade compostelá.

O mosteiro de San Martiño Pinario abeiraba a "mellor" biblioteca de Galicia

"As bibliotecas dos mosteiros galegos eran poucas e malas", asegura Ofelia Rey, quen estudou a fondo a cuestión no volume Libros y lectura en Galicia. Siglos XVI y XIX (Xunta de Galicia, 2003). A querencia lectora da igrexa galega non resiste comparación coas súas homólogas no norte da Península Ibérica, apenas con Asturias. A abadía de San Martiño Pinario, en Santiago de Compostela, sitúabase na cabeceira, cuns fondos bibliográficos de 14.000 volumes que constituíron a base da USC, a actual Biblioteca América. "Se comparamos o panorama co catalán, non hai cor", sostén Rey Castelao, "pero é que, por exemplo, en Granada, no convento dos xesuítas, había máis de 20.000 libros". Os libros dos xesuítas foran requisados polo Estado en 1767 e colocados en universidades, seminarios ou escolas de náutica. Nese intre iniciou o seu crecemento a biblioteca da Universidade de Santiago, arestora "a máis importante de Galicia, con diferencia", segundo a profesora Ofelia Rey.

Os volumes atesourados polos beneditinos en San Martiño Pinario pasaron ao completo á institución educativa santiaguesa. O libro de gravados de Durero ou o Atlas de Ortelius descansaban nos andeis de Pinario nunha colección de impresos inaugurada no século XV. "A de Pinario era, máis ou menos, tres veces a biblioteca do mosteiro de Oseira", sinala a experta da USC, "e Oseira non abeiraba grandes libros; o mesmo acontece co mosteiro de San Xoán de Poio". A riqueza das terras da abadía, a segunda máis podente do norte peninsular tras San Benito de Valladolid, explica o valor dos libros de Pinario. A autora de Libros y lectura en Galicia salienta outras bibliotecas: a de Montefaro, en Ares, que conservaba moitos libros de viaxes por mor da situación xeográfica, ou a dos Franciscanos, en Ferrol.

A expropiación liberal, que copiaba literalmente unha lei da Francia revolucionaria de 1793, non afectou, con todo, nin a bispos nin a arcebispos. A biblioteca do Cabido de Santiago, baseada nunha doazón de Diego Juan de Ulloa no século XVIII e que vendera todas as cesións anteriores, sobreviviu na súa estancia rococó da catedral compostelá. Non correron igual sorte os libros do Licenciado Molina, o autor de Descripción del Reyno de Galizia (1550), depositados no Cabido de Mondoñedo: o bispo vendeunos ao seu colega de Oviedo. A Ofelia Rey vénlle á memoria o paradoiro da biblioteca do fillo de Cristóbal Colón, a célebre Biblioteca Colombina, "destrozada e desembrada polo Cabido de Sevilla".

Logo da célebre desamortización de Mendizábal, non todos os 72 mosteiros e conventos de territorio galego retomaron as políticas bibliográficas. Malia a que Oseira conta na actualidade con 34.000 libros, o máis interesante que garda, a dicir de investigadores e estudosos, é a moblaxe. O mosteiro de Poio, probabelmente a biblioteca non pública máis nutrida de Galicia, recuperou a función acumuladora de libros e na actualidade conta máis de 110.000. Segundo Alfonso Mato, un dos autores da edición canónica do Sempre en Galiza (Parlamento de Galicia, 1992), Poio é o único mosteiro que conta, hoxe en día, "cunha biblioteca viva". "Pero trátase dunha biblioteca de aluvión, formada moi recentemente", puntúa Ofelia Rey, "sen selección; é como un almacén".

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

A profesora, que revisou os corenta rexistros eclesiásticos de libros que non sucumbiron aos liberais, afirma que a única biblioteca civil de importancia en toda Galicia foi a do Real Consulado, na rúa Panadeiras da Coruña. "Era unha biblioteca cualitativamente diferente, con libros de economía, de comercio, de matemáticas", explica, "creada por Pedro Sánchez de Baamonde". Os 4.500 libros do Consulado non tiñan nada que ver coa listaxe de lectores de San Martiño Pinario entre 1752 e 1825 que manexou Ofelia Rey para elaborar o seu estudio: o 90% dos libros eran solicitados polo 1% dos lectores. E xa que o hábito fai o monxe, os libros de viaxe abundaban, literatura de evasión para enclaustrados. Aínda que cualificasen como tal o Robinson Crusoe.

A biblioteca do mosteiro de San Xoán de Poio na actualidade.
A biblioteca do mosteiro de San Xoán de Poio na actualidade.ANDRÉS FRAGA

O legado dos escritores

O investigador Alfonso Mato, colaborador de Isaac Díaz Pardo e empregado no Instituto Galego de Información até os recentes conflitos en Sargadelos, participou na edición crítica do Sempre en Galiza (Parlamento de Galicia, 1992). Foi no curso dese traballo, no ano 1987, cando atoparon, no Museo Provincial de Pontevedra, o manuscrito orixinal do ensaio "intacto". "Durante todos eses anos, ninguén se preocupara del", aínda se abraia Mato. Nese museo, dirixido durante anos por Xosé Filgueira Valverde, gardan parte da biblioteca de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

As bibliotecas dos escritores sofren peculiares avatares logo da morte dos propietarios. Entre as leas familiares e a descomposición total, a recente proliferación de fundacións acolleu os libros de Otero Pedrayo, Vicente Risco ou Luís Seoane -esta ateigada de libros sobre construtivismo. Se a de José Ángel Valente foi dar na facultade de Filoloxía de Santiago, Bouza Brey, Antonio Fraguas ou Xaquín Lorenzo, Xocas, teñen as súas coleccións no Museo do Pobo Galego. "A biblioteca de Rafael Dieste atópase no Castro, metida en caixas", láiase.

Na súa relación con bibliotecas de toda a xeografía galega -"atopei uns pasquíns da revolución de 1868 no convento de San Francisco, en Santiago"-, Alfonso Mato refírese á do Museo Etnolóxico de Ribadavia. "Nesa pequena institución hai un dos fondos de marxismo máis completos de Galicia". Un comunista do lugar, Jesús Sánchez Orriols, cedeu os libros xunto a unha "magnífica" selección de música pop e jazz en formato elepé.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_