_
_
_
_
_
Luces

Cadaval gaña o María Casares ao mellor espectáculo do ano

Salomónico reparto de premios na gala do teatro galego

O teatro galego celebrou onte na Coruña o 30º aniversario dos seus inicios profesionais cunha nova edición dos premios María Casares, que resultaron máis repartidos do que era de agardar entre as compañías grandes e pequenas. O Centro Dramático Galego chegaba cunha cifra récord de nominacións para a súas dúas montaxes deste último ano -16 para os 13 premios en xogo- e levou efectivamente algúns dos galardóns máis destacados, pero non todos aos que aspiraba. A súa obra Noites de Reis. Ou o que queirades foi elixida mellor espectáculo, baixo a dirección de Quico Canaval, que tamén levou a xarra coa efixie de María Casares ideada por Sargadelos.

O premio ao mellor actor secundario foi para Xan Cejudo pola súa interpretación nesta montaxe do CDG, que tamén resultou distinguida pola escenografía, obra de Baltasar Patiño, e polo vestiario, ainda que este último premio foi compartido con La Canalla por O Burgués do Teatro Morcego. A piragua, tamén produción do Centro Dramático, levou catro María Casares, pola iluminación, a música composta por Manuel Riveiro Hermo, o texto orixinal de Cándido Pazó e pola interpretación como actriz protagonista de Susana Dans.

Ernesto Chao foi distinguido como mellor actor polo seu papel n' As últimas lúas de Lagarta Lagarta. Foi o único galardón para esta compañía que tiña sete nominacións. Mónica Camaño, eterna nominada ata o de agora, segundo dixo, foi elixida mellor actriz secundaria por Emigrantes do Teatro de Ningures. A montaxe da xove compañía Cabana Hendaya, mon amour obtivo o único premio ao que competía, o de mellor maquillaxe. Mais, para o seu director, resultou todo un éxito tendo en conta que se trata "dunha obra que funciona co boca boca, sen subvención ningunha".

"O teatro galego está maduro, está vivo", proclamou a actriz Mabel Rivera durante unha gala pensada tamén como unha homenaxe a todos os oficios das artes escénicas, con pequenas representacións de danza, canto e música en directo, entre as que houbo amais oco para mensaxes reivindicativas como a morte do teatro en Palestina, unha das máis aplaudidas de toda a noite. Entre os homenexeados, estivo amis Rubén García. Emocionado aínda que mudo por unha enfermidade que lle impide articular palabra, García recibíu un longo recoñecemento dos seus compañeiros de profesión ao serlle entregado o premio de honra Marisa Soto. García é o artífice da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, considerada como clave na profesionalización desta arte escénica en Galicia.

O espectáculo comezou ás portas do Teatro Rosalía de Castro, cunha escenografía hollywoodiense, aínda que con toques autóctonos. Unha charanga amenizaba o percorrido por unha alfombra vermella dos nominados, que foron chegando en pequenos grupos e a bordo dunha quilométrica limusina branca. E o teatro galego procurou darlle aires internacionais ás súas tres décadas de traxectoria, con interpretacións cómicas de cancións alemanas dos anos 30 ou versións galaicas de temas norteamericanos e mesmo ben españois, como La violetera, cuxas interprétes repartiron feixes de follas de grelo entre o público.

"Brincade como rapaces"

Non foron comezos doados. Dedicarse ao teatro en Galicia hai tres décadas, "nun país por facer, sen masa crítica cívica, con moi feble vida urbana", resultou un desafío case imposible, lembrou onte á noite o escritor Suso de Toro no manifiesto co gallo do 30º aniversario do teatro galego profesional. Pero saíu adiante e agora, "na madurez", fai un rogo: "Non deixedes nunca de brincar como rapaces, de anoxar aos malvados e de usar as máscaras para desenmascar aos impostores", pediu De Toro na gala dos Premios María Casares. Como cada neno que busca e inventa "ao adulto que leva dentro", o teatro galego tivo que vencer unha chea de atrancos.

Naceu "sen pasado, marcado por unha lingua negada que ten que inventarse, unha lingua que ten ela mesma que inventar ao seu país". E coma cualquera rapaz tivo que averiguar que quería ser de maior, como debería ser un teatro de raíz autóctona, se existía realmente "unha estética específica galega". De Toro considera que as artes escénicas cumpriron de sobra, nestes 30 anos de traxectoria, o seu obxectivo. E demostraron, mesmo na era do dixital, que a súa función é imprescindible.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_