_
_
_
_
_
Entrevista:XULIÁN MAURE | Editor e lingüista | LUCES

"Facer lectores en galego debe ser prioridade da Administración"

Fundador de Edicións Xerais en 1979, Xulián Maure (Vigo, 1941) foi tamén subdirector xeral do libro no primeiro Goberno autonómico. Retirado parcialmente do labor editorial, hoxe é un dos animadores da tradución ao galego e organizou nunha páxina de Internet a Biblioteca Virtual (www.bivir.com), na que atopamos unha chea de obras de literatura universal na súa versión galega, libres xa de dereitos de autor. Con versións directas desde o chinés, o ruso, o checo, o hebreo e por suposto o inglés, o francés, o alemán ou o italiano, a páxina é unha mostra de como cubrir as necesidades da tradución. Ao tempo Maure vén de publicar o seu traballo Para unha escriptoloxía do galego. Edición e estudo escriptolóxico do tombo do hospital dos pobres de Tui (1436-1490) (Fundación Barrié). A escriptoloxía é unha disciplina recente, apenas articulada en 1948, que estuda como se representaban graficamente as linguas antes de estar fixadas normativamente. Preocupado máis que pola saúde do sector empresarial pola necesidade de gañar lectores, Maure estivo presente na comisión de estudo previa á elaboración da actual Lei do Libro na que deixou o documento Lectores inapetentes, no que afirma que "a única meta que debe ter presente tanto a Administración pública como os distintos sectores do libro en lingua galega é acadar no prazo de cinco ou dez anos unha ben nutrida colectividade de lectores en lingua galega".

"Para as multinacionais da industria cultural os seus produtos son o mesmo que calquera mercancía"
"A cultura non é cousa para deixar ao mercado, é responsabilidade dos que coidan do ben común"

Pregunta. Sempre nos referimos a que a primeira lingua peninsular que traduciu fragmentos do Ulises de Joyce foi o galego da man de Otero Pedrayo. Hoxe comezan a publicarse en galego simultaneamente co castelán, e mesmo antes, obras internacionais de autores contemporáneos.

Resposta. É un cambio moi positivo. Hai un esforzo das editoriais máis fortes, sobre todo Galaxia, por publicar novidades e best sellers de autores actuais, e despois está unha pequena editorial, Rinoceronte, que está a facer un traballo destacábel ao publicar obras que mesmo non contan con versión castelán. A sociedade debía apoiar este esforzo, pero é un traballo aínda insuficiente, porque estamos falando de literatura e unha lingua ten que alimentar outros rexistros con producións de fóra en versión galega. Nós en bivir.com comezamos a publicar divulgación científica, porque é unha maneira dos investigadores poder contar co galego como ferramenta básica. En Islandia, que apenas son 200.000 e dominan o inglés e moitos o francés, invisten todos os anos en publicar en islandés libros científicos. Son conscientes de que a súa comunidade, precisa desa linguaxe especializada para comunicarse entre eles. E hoxe en Galiza non se está dando porque o mercado non o demanda, e a cultura non é cousa para deixar en mans do mercado, é responsabilidade dos que coidan do ben común.

P. Daquela, seguindo unha sorte de darwinismo cultural, o mercado iría á contra do galego?

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

R. Naturalmente. O mercado centraliza para obter máis beneficios, pero a sociedade non pode ser unha minoría que acapara diñeiro e unha masa uniforme de consumidores. A variedade que existe na natureza ten que darse no mundo social. Non todos imos falar igual, nin comer, xogar, cantar ou bailar. O mercado empobrécenos, vai contra a variedade.

P. Onde radica a importancia do acceso á literatura contemporánea no propio idioma?

R. Primeiro no valor simbólico de auto aprecio da comunidade: se sae unha novela en Alemaña dispoñemos dela decontado no noso idioma. O segundo aspecto positivo é porque a literatura evoluciona grazas ao esforzo que se fai en todo o mundo e esas novas maneiras de narrar ou facer novela chégannos ben por unha novela inglesa ou alemá.

P. Vostede promove un lugar virtual no que acceder a moitas traducións, pero o custo de levar iso ao libro físico non semella posíbel para o galego nas actuais condicións editoriais. Precisamos dunha excepción cultural?

R. Coa globalización e a caída nas mans de grandes multinacionais da industria cultural os seus produtos teñen o mesmo tratamento que calquera outra mercancía. Precisan ter unha rendibilidade do 15% cando antes cun 3% era abondo. Fronte a iso xorden as editoras pequenas que saben que as obras de grande calidade son moitas veces de minorías e nunca van ter acollida nin nos quiosques nin nas grandes superficies. A maiores nós lidamos co problema de non termos lectores que demanden espontaneamente o libro galego. Levamos vinte anos de atraso. Cando estiven de subdirector do libro na Xunta quixen montar unha editora nacional só pensando en facer lectores, porque eles serán os que regulen o mercado coas súas demandas e despois só quedará un reduto de libros que terían necesidade de ser apoiados para a súa edición.

P. Facer lectores é máis difícil que fabricar libros. Cal é a súa receita?

R. Fanse lectores na casa, nos centros de ensino e tamén nos barrios, desde as bibliotecas. E dentro delas ten que haber dinamizadores porque o libro non se move só desde os estantes, ten que haber bibliotecarios profesionais. Desde a Xunta propoñía uns cursos de posgrao para formar cando menos un para cada un dos 300 concellos, pero non se considerou prioritario. Nos institutos e nas escolas necesitas profesionais, non profesores que se ocupan da biblioteca por horas. E os rapaces necesitan tempo libre para ir á biblioteca, e que haxa quen os aconselle e os interese. Na casa ten que haber bibliotecas familiares e xa unha vez a Asociación de Tradutores propúxolle á Xunta crealas, para lograr un bo prezo, pero quedou en nada. As escolas teñen que ser bibliotecas públicas e se os concellos se preocupasen poderían usar un local propio ou aproveitar os dos centros de ensino. O modelo témolo aquí mesmo, é Oleiros e a súa rede de bibliotecas, unha por parroquia. Un modelo para toda Galicia exemplar en todos os sentido. E finalmente os medios de comunicación son unha ferramenta para poñer os libros en mans dos lectores. Na prensa cada quince días debía saír unha entrega de noticias de libros, moi ben feita, atractiva e en conexión con programas de televisión, prestixiados, mesmo a xeito de concurso con grandes premios.

P. Fronte a ese optimismo están os augures dofin do libro.

R. Antes lía pouca xente porque a escolarización non era universal e hoxe quizais porque escollen outras formas de ocio. Pero se o público galego é dun 10%, temos 300.000 lectores potenciais, e iso non se cobre con tiradas de 1.500- 2.000 exemplares. Aparecen tamén lectores de biblioteca, que non rexistran as estatísticas de vendas. Ademais hai soportes novos que cada vez teñen máis demanda. Na nosa páxina houbo traducións que foron baixadas miles de veces. A Xunta está investindo moito en libros e apenas en soportes virtuais. Iso é un erro.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_