_
_
_
_
_
Entrevista:Antía Cal | Pedagoga e escritora | LUCES

"Todo o meu mérito foi ser mestra"

"Hai que falar, non hai máis remedio. Antes de aprender xeografía ou calquera outra cousa os nenos teñen que saber expresarse e falan porque ti lle falas. O neno aprende a respectar porque ve que ti respectas. Non hai berros nin castigos, e cando hai problemas non se traballa até que se resolven". Son algunhas das ideas coas que a mestra Antía Cal (La Habana, 1923) expresa o seu ideario pedagóxico, o mesmo que lle serviu para, en plena Ditadura, construír unha experiencia escolar moderna, fundando no ano 1961, en Vigo, o colexio Rosalía de Castro. Agora Antía Cal ofrécenos as súas memorias, Este camiño que fixemos xuntos (Galaxia), un título que fai referencia ao grande protagonismo que nas mesmas ten o seu grande amor, o oftalmólogo Antón Beiras.

"O libro non foi feito para andar pola rúa. Empecei a escribir aos poucos pensando en contarlle a miña vida ás netas. Botei cinco anos latricando co ordenador e agasalléillelo nun Nadal. Foi despois que houbo interese por publicalo", asegura, e ao tempo remítenos a unha segunda publicación, desta volta nunha edición non venal de moitos daqueles que aprenderon con ela, Encontro con Antía Cal. O libro dos amigos e dos alumnos. Debruzarse nestes dous traballos ten interese por diferentes razóns: hai pouco memorialismo de mulleres galegas e aborda aspectos de renovación intelectual e pedagóxica nunha época na que toda a revolución escolar da República ficara enterrada.

"O mérito que teño é o que fixen como mestra. En 30 anos que traballei non rifei nin cun neno nin cuns pais, teño que levarme ben cos dous porque nunca tes datos para culpar a ninguén, nin á casa nin ao mestre. E teño moi bos recordos. A miña foi unha vida de sorpresas, na que as cousas foron saíndo sen contar con elas". Como foi ese percorrido que a leva a fundar o colexio? Interesa seguir as pegadas que arrincan nunha familia emigrada en Cuba, orixinaria do concello lugués de Muras, na que a moza Antía regresada a Galiza, pero co pai aínda na Habana, está decidida a valerse por si mesma: "Non quería repetir a vida da miña nai que cando lle pedía unha cousa dicíame: 'E se papá morre?' Xuramenteime que non ía repetirlle iso aos meus fillos. Cando Antón me pediu casar por vez primeira, díxenlle: 'Non caso até ter independencia económica'. Despois transixín pero aínda llo chorei porque o seu traballo era o que primaba. Cheguei a Vigo e busquei traballo nunha manchea de sitios: admitíanme pero sen pagar, nin para o tranvía! Non aceptei por dignidade".

"Regresei de Cuba con nove anos. Eu quería facer unha carreira, pero papá obrigoume a estudar Comercio. As amigas dicíanme que despois da guerra facernos mestras posibilitábanos un futuro. Nun ano fixen as dúas cousas completas, imaxina con que esforzo. Ademais ás mulleres, para darnos o título, obrigábannos a facer tres cursos de labores, que completei tamén nun ano. Máis adiante a todos eses coñecementos, que eran unha discriminación, tireille partido, igual que dominar a mecanografía ou a taquigrafía. No programa escolar da época, e despois no meu colexio durante moitos anos, había que ter unha profesora de Labores. Acabado iso fixen, por fin, Filosofía e Letras, e especialiceime en Xeografía e Pedagoxía".

A epopea do Rosalía de Castro arrinca nunha viaxe do matrimonio Cal-Beiras na procura de osíxeno científico: "Tivemos unha nena estrábica e Antón curouna. Daquela díxome: 'Non sei nada de estrabismo, temos que ir uns meses por Europa os dous para poñerme ao día'. Era caro pero se había que ir en terceira e comendo bocadillos polos xardíns, facíase. Dito e feito. Nunha das etapas daquela viaxe, mentres Antón ía ás clínicas, lendo un periódico de Xenevra, entérome que están ordenando nun edificio da cidade o legado do pedagogo Pestalozzi . Non o pensei dúas veces, aquel home para min era un deus porque cando se falou en Europa de facer do ensino un servizo obrigatorio pero só para homes, plantouse con outros pedagogos e esixiu que tamén fosen incluídas as mulleres. Foi un momento máxico na miña vida porque me presentei no edificio onde estaban catalogando os fondos, e alí estaba a traballar un vello catedrático xubilado. Cando soubo que o maior dos meus fillos xa cumprira cinco anos, espetoume: 'Xa lle pasou o sol pola porta'. Era a idea aquela de que a educación empeza xa desde o intre de nacer. Moito falei con aquel home que me dicía que España era pioneira en pedagoxía antes da guerra. Non podo lembrar como se chamaba pero púxome en comunicación cunha antiga alumna súa que traballaba en París. Foi outro contacto fundamental na miña vida porque desde aquela as cousas mudaron. A primeira decisión foi apertar o cinto e mandarmos, ano a ano, aos fillos estudar un tempo nun colexio de Inglaterra".

A experiencia de ver os rapaces botar de menos a maneira de ser educados en Inglaterra, con métodos que aquí non existían, foi o motor de Antía xunto co desexo de ser unha muller independente: "Quería levar adiante todo o que aprendera e pensei en facer o colexio. Desde Francia a miña amiga animábame arreo e ofrecíame toda caste de axuda. Antón botábame algo atrás preocupado polos cartos, e sobre todo porque non íamos poder cobrarlle moito á xente que pouco tivera. O colexio empezou no 1961 e estaba pensado para as primeiras idades, porque a idea era que o investimento debía ser maior canto máis cativo o neno. No colexio o ensino era bilingüe ao 50 % entre o castelán e o inglés. Como lembra un ex alumno: 'Cheguei ao Rosalía con tres anos, sentáronme, déronme plastilina e faláronme inglés, e con iso tiven que ir para adiante'. Era unha inmersión total nas dúas linguas. A presenza do galego daquela non era posíbel, pero, aínda así, aos meus fillos e sobriños que estaban nas clases falabámoslle na lingua que era común a nós, o galego".

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

As aulas daquel colexio levan os nomes de Rosalía ou Bertrand Rusell, de Bóveda ou do matrimonio Curie, de Maside, María Montessori, Castelao ou Camõens, e nos anos do franquismo e da transición tivo as visitas inquisitivas da inspección, "a maioría deles uns chulos". "Unha vez un preguntou que facían na aula os retratos de Yuri Gagarin e dos astronautas que foran á lúa. Leveino onde un de Einstein: 'Mire, este foi o único que colgaron estas mans. Dos outros pídalles contas aos nenos'. Eran eles os que traían fotos para facer murais, e despois comentabamos esas noticias nas clases. Ninguén trouxo a Hitler. Cando ti educas os pais tamén entenden o que fas e non che buscan o xenio".

No ano 1969, Antía Cal vai a Barcelona e entra en contacto coas Escolas d'Estiu Rosa Sensat, núcleo da renovación pedagóxica. "Aquilo era o mesmo que eu procuraba facer pero con 300 profesores e 600 alumnos. O primeiro ano dábame medo porque era aínda na Ditadura e vía policías por todas partes. Despois fixen moita amizade con Marta Mata e empezaron a vir a Vigo especialistas en diferentes materias para formarnos os mestres aquí. Foi unha revolución".

O Vigoscopio do galeguista Antón Beiras

Na biografía sintética que Xesús Alonso Montero traza de Antón Beiras, sobre un retrato de familia de Antía Cal e Antón Beiras cos seus fillos, escrebe: "Hai que reparar nesta familia que, nos anos 50, protagoniza un feito insólito: por coherencia (o pai Beiras propón) os seis do clan van utilizar no fogar (pais e fillos) a lingua galega. Había centos de anos que ao mapa sociolingüístico de Galicia (entre urbanitas de estatus universitario) non lle acontecía algo semellante".

O compromiso político e cidadá de Antón Beiras aínda está por describir con fondura, pero agora os lectores temos de man o libro de Antía Cal que estimula novas investigacións sobre unha persoa que deixou unha lembranza imborrábel. Nesa investigación terá un lugar sobranceiro o seu traballo como oftalmólogo con prestixio internacional.

A morte en 1968 detivo a fulgurante experiencia científica que o empeño de Antón Beiras sacara adiante co deseño dun artefacto destinado á corrección do estrabismo basado nas teorías do profesor polaco Dr. W. Starkiewicz, que sostiña que o tacto era vital para obter unha visión tridimensional.

Un vello amigo de Antón, Alexandre Otero, lembraba nunha homenaxe recente a Antía Cal a impresión que causaran as presentacións en congresos internacionais do aparello deseñado por Beiras, ao que lle puxera o nome de Vigoscopio, e respondía á especificación técnica de sinoptóforo con TV.

Presentouse nun congreso en Mallorca, e recibiu o apoio de oculistas de renome como Barraquer, Castroviejo ou Salorio; despois levárono a París e o propio Starkiewicz abrazou emocionado a Antón Beiras. "Eu observaba atónita", conta Alexandre Otero, "e ouvía como en francés lle dicía que conseguira ver demostrada a súa teoría. Moitos expertos se interesaron polo Vigoscopio e entre eles expertos da Forza Aérea Británica".

A Antón Beiras convidárono a ir aos Estados Unidos, pero Antía Cal dinos no seu libro de memorias que recibiu unha oferta da universidade neoiorquina de Columbia, para seguir investigando. "Rexeitouna", lembra Antía . "Estaba convencido de que en Galicia tamén se podía investigar, e que as cousas tiñamos que facelas dende aquí. A súa idea do galeguismo era esa".

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_