_
_
_
_
_
Reportaje:DÚAS LINGUAS SEN FRONTEIRA | LUCES

"A venda do libro portugués é marxinal"

Xavier Paz rexenta en Ourense a Livraría Torga como un espazo cultural común

Durante moitos anos, baixar a Caminha, Braga, Guimarães ou Porto a mercar libros era a única alternativa para estar ao día das novidades ou mercar os clásicos da literatura portuguesa. Así como non chegan as ondas das televisións veciñas e apenas as emisoras de radio, o libro só entrou nos estantes das librarías galegas de man de diferentes pioneiros. Santiago como centro universitario concentra unha certa demanda, pero en zonas máis achegadas a Portugal librarías como Andel ou Torga, en Vigo e Ourense, son singulares puntos de referencia.

Xavier Paz fundou a Livraría Torga, situada no casco histórico ourensán, hai unha ducia de anos, e fíxoo xa como espazo da cultura galego-portuguesa. A música tiña tamén o seu pequeno oco, pero ao libro importado de Portugal reservoulle un lugar de seu: "Inicialmente fixen unha sección diferenciada, pero pasado un tempo decidín que agás a literatura, que está como pequena sección específica, non tiña sentido ter todo o material portugués nunha illa aparte. Hoxe cada libro está na area que lle corresponde, por temática, compartindo estante co editado no país".

Daqueles anos primeiros a hoxe tamén mudaron moito as cousas en canto ás facilidades de importación: "As cousas son por completo diferentes. Daquela ía eu mesmo a procurar os libros a Lisboa, e os custes de transporte xa facían inviábel o negocio. Hoxe hai unha distribuidora estábel, que leva Emilio Lebon, tamén libreiro d'A Palavra Perdida, en Compostela. Temos un servizo de novidades e funcionamos cun sistema de pedidos dos libros portugueses estándar, como o do libro galego".

Respecto á demanda, Paz non quer xeneralizar a experiencia de Torga: "Nós temos varios tipos de público. Un especializado, no caso de Ourense pola vía dos museos, o Etnolóxico de Ribadavia ou o Arqueolóxico de Ourense. Os textos destas disciplinas refírense a épocas nas que o territorio era unha unidade e o Miño non era unha fronteira. Por outra banda, a Biblioteca Pública sempre se interesou polas publicacións periódicas e está empezando a organizar unha sección específica de libro portugués. Este sería un público se se quer institucional, tamén alimentado porque algúns profesores da Universidade reclama algún texto específico e na Escola de Idiomas o portugués é demandado e convértese noutro polo de referencia".

Quen venden?: "Saramago, Pessoa, moito menos xa Lobo Antúnes ou Cardoso Pires e algúns autores que, por razóns que se me escapan, de súpeto son moi demandados. Por exemplo, o timorense Luís Cardoso, que viñera algunhas veces por Ourense explicando os problemas do Timor Leste, ou calquer outro que recomenden na Escola de Idiomas".

Respecto a como funcionan os escritores portugueses con traducións ao español, Saramago pode servir de termómetro obxectivo: "A experiencia de 1998, cando lle deron o Nobel, resultou singular. Supoño que foi lido moito en español, pero aquí a proporción foi de dez a catro a favor dos seus textos en portugués, sen a peneira da tradución. Nese ano tiven unha mesa permanente dedicada a toda a súa obra: vendín 600 libros. Esa proporción continúa cando saca novo libro".

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Mesmo así, e falando de libro portugués, Paz asegura que en tempos detectou "máis alegría". "Se xa o público que entra nas librarías é reducido, o que vai a unha especializada en libro galego-portugués aínda é menor, e dentro desa fracción o que merca libro portugués é moi pouco", di. "Estamos falando de marxinalidade, non nos enganemos. Quizais porque hoxe a Internet xa resolve moitas demandas, tanto de información como de lecturas, pero tamén debemos considerar que a actualidade do que alí se escrebe non chega apenas, se non estás manifestamente interesado por estar ao día. Na música si se ven experiencias que permiten unha visión optimista de máis intercambio: todo o traballo da Uxía, os Cantos na maré, móvense os músicos de arriba para abaixo, hai proxectos. Tamén no teatro e noutros campos culturais. Quizais na literatura é onde máis funcionou o concepto de fronteira, por moito que aos de Ourense ou os de Vigo, Porto nos quede moito máis perto que A Coruña".

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_