_
_
_
_
_
Reportaje:DÚAS LINGUAS SEN FRONTEIRA | LUCES

Brazos amigos, costas viradas

A cercanía entre Galicia e Portugal manifesta tamén unha distancia

Unha raia porosa e, á vez, un muro impenetrábel. O eterno paradoxo segue a presidir as relacións entre Galicia e Portugal nos tempos en que se esvaen as barreiras territoriais. Pero a ambos os dous lados, moitos teiman desde hai anos por manter a corrente non tan subterránea que flúe entre culturas coa mesma raizame.

A polémica lingüística creou pelouriños morais e alimentou desconfianzas
Portugal é outro país. Isto, por moi obvio que pareza, non é tan fácil de entender

Cando se fala das relacións, quer políticas, quer culturais, entre os dous estados que comparten o chan da Península Ibérica, os portugueses adoitan recorrer a un lugar común: "Vivemos de costas voltadas". Como contrapunto, en ocasións agrádalles deslizar, cun fondo de ironía, en limpo castelán, a expresión "nuestros hermanos". Portugal é outro país. Isto, por moi obvio que pareza, non é tan fácil de entender. Sacar a venda dos prexuízos dos ollos non resulta labor fácil. Tampouco para un galego que se enfronta cos enigmas, a oratoria barroca, os segredos de familia ós que tan afeccionados son os nosos irmáns lusitanos.

Existen entre nós profundas relacións históricas, que implican un constante diálogo cultural. Todo portugués culto é consciente de que Galicia e Portugal comparten, cando menos, a mesma raíz idiomática, a poesía medieval, a toponimia e a onomástica. Aínda que, nalgúns casos especiais, decidisen subtituír topónimos como o de Aldea galega por outro máis elocuente como Montijo. Pero a nosa cercanía manifesta unha distancia, abre as portas dunhas relacións íntimas pero complexas.

Historicamente, as cidades e as vilas portuguesas foron lugar de destino dos nosos emigrantes, polo que resulta lóxico que o galego constituíse un tipo social característico. Unha lenda urbana de Lisboa asegura que unha das poucas construccións que se mantivo en pé despois do terremoto, foi o Acueducto das Agoas Livres, levantado por canteiros galegos. O propio Camilo refire que unha das primeiras decisións do ínclito marqués para abordar a reconstrucción da capital consistiu en controlar os nosos paisanos. E Fialho de Almeida, cando se preguntaba quen executara a colosal e asoballante modificación do territorio nos socalcos do viño no Douro, sinalaba tamén a orixe galega daqueles creadores da profundidade.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Na Lisboa tradicional rara era a tasca ou a leitería que non estivese ó coidado dun paisano noso. Disto dá conta a novela realista onde, tarde ou cedo, entre unha galería de personaxes secundarios que lle ofrecen vitalidade ás accións, aparece un que nos interesa: un galego que, indefectiblemente, desempeña un traballo ben duro. Un deses autores menores, que en vida gozou dun notable éxito, Eduardo de Noronha, deulle o papel protagonista a ese criado observador na novela Memorias dun galego (1912).

No XIX, Teófilo Braga acolle a poetas galegos como Rosalía e Lamas Carvajal na antoloxía Parnaso portugués contemporáneo, xa en 1877, unha data auroral do noso Rexurdimento. Curros traduce ó castelán unha serie de sonetos de Antero de Quental na edición de 1890 de Oliveira Martins. A referencia a Portugal é esencial no discurso estético-ideolóxico do grupo coruñés. A nobre Lusitania téndenos os brazos amigos, no poema insignia de Pondal Os pinos. Os intelectuais herculinos mantiveron relacións estreitas con grandes figuras da cultura portuguesa como o polígrafo Leite de Vasconcelos ou o ensaísta Leonardo Coimbra.

Galicia e Portugal comparten evidentemente un espazo xeográfico e histórico vertebrado polo río Miño. Resulta significativo que o noso principal curso de auga lle dea nome a un considerable territorio da República Portuguesa, unha eurorrexión, que diríamos agora. Pero o Miño, por se fose pouco, configura unha topografía literaria apaixonante e poderosa. Isto débese, en boa media, á oceánica obra de Camilo Castelo Branco. O espazo novelístico do Miño pode empequenecer, mesmamente, o famoso condado de Yoknapatawpha, e todo tipo de fantásticas rexións creadas aquén e alén polos imitadores de Faulkner. Parece mentira que escriba eu isto. Pero non é só Camilo. En grandes novelas como Humus, de Raul Brandão, ou A toca do lobo, de Tomaz de Figueiredo, ecoan as voces ancestrais desta xeografía tan próxima, tan facilmente recoñecible.

Os autores do Grupo Nós mantiveron profundas relacións cos intelectuais da Renascença portuguesa. Dentro deste grupo portuense encontramos unha personalidade literaria que desempeñou mellor ca ninguén o papel de autor ponte. O grande poeta e magnífico prosista amarantino Teixeira de Pascoães reivindica a Rosalía de Castro, e cos seus textos teóricos fornece de conceptos o pensamento de Vicente Risco. Se por unha banda, a influencia da revista portuense A aguia é manifesta nos arredores intelectuais de Nós, tamén Orpheu posúe unha singular conexión galega. Un fillo da emigración do sur da provincia de Pontevedra a Lisboa, Alfredo Pedro Guisado, formou parte do grupo máis activo dos modernistas portugueses. Pero certo, o famosísimo retrato de Pessoa por Almada estivo pendurado durante tempo nas paredes do negocio familiar dos Guisado, o restaurante Irmãos Unidos, ó Rossio.

Non houbo en Galicia grupo xeracional que non buscase unha conexión con Portugal. Nos anos escuros, os ensaistas e estudosos de Galaxia fixérono con M. Rodrigues Lapa. Desde a outra banda, por volta do 1960, débese ó entusiasta Oliveira Guerra a publicación no Porto do caderno galego-portugués Céltica que acolle significativos poetas daquel tempo. A vivencia do 25 de abril é un trazo de época das postrimerías do franquismo. Na etapa da normalización democrática e na apertura europa de España e Portugal, escritores e creadores de ambas marxes do Miño promoveron accións transversais. A xeración á que máis ou menos pertenzo foi a certa altura unha grande consumidora de literatura portuguesa.

Nos nosos días, mentres o Instituto Camões dispón en Vigo a súa sede máis visible en España, a Universidade de Lisboa ten unha Cátedra de Galego, e a Universidade Nova un Centro de Estudos Galegos. A TVG compite entre un cento de cadeas de televisión por cable, pero suscita a curiosidade de moitos televidentes.

As necesarias relacións culturais entre Galicia e Portugal deben salvar, na miña opinión, certos escollos. A polémica lingüística que os gramáticos contaxiaron a todo o espazo cultural galego creou pelouriños morais, e alimentou unha serie de desconfianzas cara esa zona da creación cultural en portugués que cae dentro da Gran Tradición. Pero non é menos certo que os portugueses reciben a imaxe da nosa cultura reflectida nos grandes medios de comunicación da capital de España que, no fondo, reproducen o espello dos cafés provincianos. Lisboa deixou de ser unha traducción de París ó calão, como dicía Eça, e agora prefire traducir a Madrid. Unha liña de pensamento actual ve na cultura e na lingua portuguesa a solución a tódolas eivas que arrastra un espazo cultural aínda desvertebrado coma o noso. Outra liña ve na aproximación a Portugal unha chea de perigos. Posiblemente as dúas estean equivocadas. Con seguridade, eu tamén me equivoco exercendo de lusófilo a contracorrente. Pero éche o que hai. Máis vale tarde.

Ramiro Fonte é director do Instituto Cervantes en Lisboa.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_