_
_
_
_
_

Manuel Guede retorna á dirección do Centro Dramático

Cultura a recupera ao xestor do teatro público durante os mandatos de Fraga

O novo director do Centro Dramático Galego, Manuel Guede (esquerda), xunto ao conselleiro de Educación, Jesús Vázquez
O novo director do Centro Dramático Galego, Manuel Guede (esquerda), xunto ao conselleiro de Educación, Jesús Vázquez

“Teño a sensación de vir de novo, non de regresar. Este non é o Centro Dramático Galego (CDG) que eu deixei”. En efecto, entre estas palabras e o momento en que Manuel Guede abandonou a dirección do teatro público, coincidindo coa chegada do bipartito á Xunta, median sete anos. Polo posto que ocupara durante tres lustros, os mesmos que Fraga no Goberno galego, pasaron dende entón tres mulleres. Dúas co bipartito, Ánxeles Cuña e Cristina Domínguez, e unha nesta lexislatura, Blanca Cendán, destituída o 23 de marzo. Foi a primeira elixida tras un concurso público de méritos. De momento, vai ser tamén a última.

Menos dun mes tardou a Consellaría de Cultura en atopar “un profesional reputado e un experto xestor” disposto a facerse cargo do centro no peor momento dende a súa fundación en 1984, con dificultades orzamentarias, á deriva e sen produción na axenda, tras a suspensión da que ía dirixir Andrés Lima, As furias. Guede aceptou e onte presentouse no Salón Teatro de Santiago respaldado polos tres responsábeis políticos da institución: o conselleiro Xesús Vázquez; o secretario xeral Anxo Lorenzo; e o director de Industrias Culturais, Juan Carlos Fasero.

Xuntos, o director e a cúpula da consellaría escenificaron a ruptura coa etapa de Roberto Varela á fronte do departamento. Guede chega ao cargo “dixitalmente”, gabouse, nomeado a dedo polo conselleiro e non tras un concurso público que considera un fracaso, “unha mentira mil veces repetida”. A pesar de que a elección de Blanca Cendán estivo condicionada no seu día á presentación dun plan de xestión de tres anos, o novo inquilino nega que exista tal cousa. Xesús Vázquez tampouco se preocupou de matizar.

Gabouse de chegar ao cargo de director “dixitalmente” e non tras concurso público

O escritor, tradutor e director ourensán, aínda que nado en Venezuela en 1956, regresa ao pulmón do teatro público galego —onde estivo xa entre 1991 e 2005— tras varios anos ligado aos escenarios portugueses e á escrita dramática. Non oculta que a situación é agora “delicada” e culpa á crise económica global, “unha arma de destrución masiva”, e a “outros avatares” que onte evitou concretar. Promete ser “posibilista”, dixo, “porque na Administración non hai proxectos bos ou malos, senón proxectos posíbeis ou imposíbeis”. A condición, dixo citando a Goethe, é que o teatro público sexa “unha república independente”.

En 15 días presentará as liñas da programación coa que quere “salvar” e “prestixiar” o Centro Dramático. Xa advertiu que Portugal estará no “frontispicio” da súa xestión e que o Salón Teatro non é “lugar para experimentos”, que non pode ser “a casa de todos” senón “a casa de todos os mellores”. Trátase, explicou, “de reclamar os vellos principios da institución: a recuperación do teatro galego, o diálogo co gran repertorio internacional e a posta en valor da literatura dramática contemporánea”.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete
Para os actores, é “sorprendente” que regrese quen dirixiu o teatro 15 anos

No seu propósito de retomar o diálogo institucional “que outros romperon”, Manuel Guede vai dar cun río revolto. Dentro e fóra do Salón Teatro. O presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Antonio Durán, Morris, pide tempo para coñecer o seu proxecto e as razóns polas que se prescinde dun sistema, o do concurso público, “óptimo”. “É sorprendente que se recupere a alguén que xestionou o CDG durante 15 anos, pero deséxolle o mellor”, argumenta. “A situación é tan dramática que parece difícil de empeorar. Só espero que a profesión sexa capaz de ser tan crítica co novo director como até agora”.

Similar é a reacción das compañías. Salvador del Río, presidente de Escena Galega, demanda da consellaría “que explique por que a fórmula do concurso de méritos servía entón e non agora, e de paso que aclare tamén a que respondeu a destitución de Blanca Cendán e onde están os 2,8 millóns que ía destinar ao sector este ano”. Canto ao novo responsábel, nada que engadir. “Até que coñezamos o proxecto, só cabe esperar que o centro volva ser referente, exerza como unidade de produción e volva dar traballo. Os recortes están a ser brutais”.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_